jueves, 11 de diciembre de 2008

XOGUETES PARA O NADAL

Un ano máis achegámonos a unhas datas nas que os xoguetes van ser moi importantes nos nosos fogares. Xogar é un proceso psicolóxico esencial e o xoguete é o obxecto que o simboliza. Por iso, é moi importante saber elixir os xoguetes que compramos aos nosos nenos e nenas. Non podemos tampouco deixar que o seu criterio prevaleza nun xoguete que, de entrada lle fascine, se vemos que fomenta comportamentos negativos, que fai que desenvolva roles sexistas ou que alente actitudes violentas.
O xogo propiamente dito, sen connotacións didácticas ou educativas, é necesario e beneficioso por si mesmo: hai que ter en conta que os nenos e nenas non xogan coa intención de prepararse para afrontar o futuro, pero inflúe moito nel. Desta forma, por exemplo, a partir dos xogos con regras aprenden a desenvolver a súa vontade e o seu sentido cívico na aceptación dunha serie de dereitos e obrigas.
A influenza materna e paterna nos primeiros anos da nenez é fundamental, independentemente dos condicionantes culturais e sociais. Por iso, a elección dos xoguetes axeitados cobra especial importancia nestas datas. Non obstante, non debemos esaxerar a nosa preocupación innecesariamente: coñecer ao neno ou a nena e aplicar o sentido común, son as bases para chegar ao xoguete máis axeitado.

CONSELLOS PARA ELIXIR UN XOGUETE

Reflexións que poden ser eficaces á hora de comprar os xoguetes
que con tanta ilusión reciben os máis pequenos da casa:

- Para ter éxito, un xoguete debe estar próximo ao mundo inmediato dos nenos e nenas e á súa imaxinación. En definitiva, a actividade que propoña o xogo debe ser atractiva e lúdica, xa que xogan para divertirse e non para aprender.
- Debe ser desexado. De non ser así, carecería de interese.
- Que sexa seguro. Debe estar confeccionado con materiais que non se quebren ou sexan cortantes se rompen. As cores han de ser sólidas e non tóxicas. Canto máis pequeno é o neno ou a nena máis grandes deben ser os xoguetes.
- Que sexa simple. Isto aumentaría a gama de usos que se poden facer del, desenvolvendo a súa fantasía e a súa capacidade simbólica.
- Non comprar os xoguetes para satisfacer un capricho momentáneo.
- Xeralmente non deben ser utilizados para premiar ou castigar.
- Debemos ter en conta que o exceso de xoguetes mata a fantasía e produce aburrimento.
- Se adquire xoguetes desmontables para os máis pequenos, asegúrese que as pezas teñan un tamaño que impidan que se atragoen con elas.
- Videoxogos: poden consultar a entrada do mes de abril de 2008

XOGUETES PARA NENOS E NENAS DE 3 A 5 ANOS
Os pequenos de 3 a 5 anos xa están preparados para xogar ao aire libre ou imitar escenas familiares e profesionais. Bonecos, cacharriños, pelotas ou aparellos de profesións como médico ou enfermeira, libros de contos ou acción, pizarras e xices, xogos de bloques, lapis de cores e plastilinas, xogos de carpinteiro, xoguetes de aparellos de limpeza, xoguetes para o exterior: tobogán, hamacas,casiñas..., vehículos: triciclos, coches, carriños,... axeitados para a idade, xoguetes de equipos de música, crebacabezas simples con pezas grandes, roupa de xoguete para xogar a vestirse, marionetas e bonecos articulados.
XOGUETES PARA NENOS E NENAS DE 6 A 9 ANOS
Sendo algo máis maiores, a investigación e a curiosidade por descubrir constitúen os aspectos máis destacados da vida do neno/a. Por esta razón, os xoguetes para o aire libre de máis peso como a bicicleta ou os patíns e os xogos educativos relacionados coa ciencia e todo o que nos rodea son moi apropiados: monopatíns, vehículos teledirixidos, xogos manuais, de preguntas e de experimentos, xogos de costura, xogos de cartas, monicreques, pelotas, bicicletas, trens eléctricos, cordas para saltar, patíns, equipo para deportes e xogos de mesa.
XOGUETES PARA NENOS E NENAS DE 10 A 12 ANOS
En xeral, a esta idade é recomendable elixir xoguetes que apoien os hobbies e as actividades científicas: xogos de ordenador, material para coser e tecer, microscopios e telescopios, xogos de mesa, equipamento para deportes, material de apoio para hobbies, xogos de estratexia e reflexión, audiovisuais, electrónicos e experimentos. Asimesmo pódeselles regalar o inicio dunha colección de selos, moedas, bolboretas ou rochas minerais… que poden ser o principio dunha afición que dure toda a vida.
E para rematar, non esqueza que non hai xogos de nenos ou nenas, todos serven para todos e todas; utilizaranos segundo lles interese e gozarán con eles se son axeitados á súa idade e ao seu gosto.

BO NADAL !

No hay comentarios: