jueves, 14 de mayo de 2009

FAVORECER UNHA AUTOESTIMA POSITIVA


O autoconcepto é a idea que un ten de si mesmo, constrúese ao longo da vida e está conformado por pensamentos, sentimentos e expectativas acerca de quen somos. A autoestima é o grao de satisfacción consigo mesmo, a convicción de que somos competentes e valiosos para outros.
Cando un neno ou nena ten boa autoestima, sábese importante, competente; ao recoñecer o seu propio valer elle doado recoñecer o dos demais. É responsable, comunícase ben e é capaz de relacionarse axeitadamente.
Un neno ou nena con baixa autoestima, non confía en sí mesmo e tampouco confía nos demais. Inhíbese, é pouco creativo ou creativa, ou, como conducta compensatoria, adoita desenvolver unha tendencia a menosprezar os logros dos demais, así como a ter conductas agresivas ou desafiantes.
Pódese apreciar que hai unha relación circular: si o neno ou nena ten a autoestima alta, comportarase de forma agradable, será responsable, e renderá en todos os aspectos da súa vida. Pola contra se ten a autoestima baixa, volverase agresivo ou agresiva, irritable, pouco cooperador e pouco responsable.
Ninguén nace tendo xuízos positivos ou negativos sobre a súa persoa, senón que os aprende a partir das súas vivencias. Para favorecer a autoestima dos nosos fillos e fillas é fundamental:

·
Aceptalos tal como son. Necesitan saber que son alguén valioso e os pais e nais son quen mellor poden proporcionarlle este sentimento.
· Non comparar. Cada neno ou nena é un ser único e irrepetible, posiblemente haberá outros que vaian mellor na escola ou nos deportes, pero iso non os converte en seres máis valiosos.
· Ser efusivo e claro ao recoñecer o que fan correctamente. Se non cumpren como se esperaba debe dárselle outra oportunidade explicándolle mellor o que se espera deles. Corrixir en positivo.
· Amosar confianza nas súas capacidades e habilidades para enfrontar e resolver os seus problemas en distintas materias e situacións.
· Incentivalos a asumir responsabilidades e poñerlles metas que estean dentro das súas posibilidades e que podan ser alcanzadas cun esforzo razoable. Non asinarlles responsabilidades excesivas para a súa idade.
· Evitar a crítica ou repetir reiteradamente as características negativas do neno ou a nena, xa que isto socava permanentemente a valía de cada persoa e fai diminuír a confianza nun mesmo.

· Procurar non facer xuizos de valor persoais sen analizar coidadosamente a situación para non etiquetar en categorías que poden quedar para toda a vida. Hai que corrixir a mala conducta, non á persoa.
· Procurar non establecer regras e deberes inflexibles, así como o perfeccionismo, que fai que os nenos e nenas teñan a sensación de non acadar nunca as metas.
· Facerlles saber que o amor que sentimos por eles ou elas non está suxeito a condicións.

E para rematar, non esquecer nunca que os pais e nais serven como modelos. O modo en que eles e elas reaccionan é a maior fonte de aprendizaxe para os nenos e nenas. Por iso é importante reflexionar en como manexamos as nosas propias frustracións para non transmitirllas aos nosos fillos e fillas.

No hay comentarios: