martes, 25 de noviembre de 2008

A ALIMENTACIÓN NA IDADE ESCOLAR


A alimentación é a base necesaria para un bo desenvolvemento físico, psiquico e social dos nenos e nenas. Que estean ben alimentados durante os primeiros anos de vida, ten un efecto profundo na súa saúde, así como na súa habilidade para aprender, comunicarse e adaptarse a novos ambientes e persoas.
A idade escolar é un tempo en que as nais e pais poden ter problemas con respecto á alimentación dos seus fillos e fillas. Como pasan máis tempo fóra da casa faise difícil controlar o que comen. Moitas das desordes alimentarias como a bulimia e a anorexia teñen a súa orixe nesta etapa da vida.
Como pais e nais responsables, debemos coidar os hábitos alimenticios dende as primeiras etapas de crecemento. Non será difícil se temos en conta algunhas regras básicas:
• Temos que procurar ensinarlles a comer solos o antes posible.
• Deben acostumarse a novos sabores dende pequenos.
• Dende o principio hai que inculcar hábitos sociais, de limpeza e sosego durante as comidas.
• É moi importante a regularidade no horario das comidas. Deberemos aproveitalas para charlar, interesarnos polas súas cousas, o que fixeron no colexio, as súas inquietudes...
• Non debemos comer vendo a televisión porque, por un lado, non poderemos manter unha conversa razoable e por outro, pódese crear un reflexo condicionado que faga que sintan a necesidade comer cada vez que a ven, o cal nos leva a hábitos pouco sans que fomentan a obesidade.
• O almorzo é, segundo os nutricionistas, unha das comidas máis importantes do día, porque é a primeira inxesta despois de varias horas sen alimento. O ideal sería que a hora do almorzo fose un momento compartido de intimidade familiar, en especial para aquelas familias que non poden reunirse no xantar. Compartir o almorzo creará un hábito saudable que os preparará para a intensa xornada que comeza e os acompañará toda a vida.

Para asegurarse de que os nenos e nenas estean ben alimentados non é necesario ser un experto nutricionista. Só se require poñer á súa disposición unha dieta variada e xerar bos hábitos alimenticios. Para iso, conseguir que a hora da alimentación se convirta nun costume familiar gratificante, é a mellor receita.


No hay comentarios: