miércoles, 28 de abril de 2010

TOLERANCIA CERO DIANTE DO ACOSO ESCOLAR

Cando falamos de "acoso escolar" estámonos a referir a situacións nas que algún alumno ou alumna perseguen e intimidan a outro ou outra -vítima- a través de insultos, rumores, vexacións, illamento social, alcumes, agresións físicas, ameazas e coaccións... podendo desenvolverse ao longo de meses e mesmo anos, sendo as súas consecuencias certamente desvastadoras, sobre todo para a vítima pero tamén para os espectadores e para o propio agresor ou agresora.

Para a vítima o acoso escolar non implica so o epeoramento do seu rendemento académico senon que os ataques que recibe minan sobre todo o autoconcepto que a persoa vai formando de si mesma nunha etapa crucial da súa evolución e maduración psicolóxica.

Os espectadores van aprender de modo contundente a quedar a salvo de calquera situación de acoso: participar no acoso doutros. Ante a tesitura de linchar ou ser linchado, optarán polo primeiro.

No caso do acosador, á forza ver impunes os seus comportamentos de hostigamento e maltrato aos seus semellantes, aprende que o acoso é un bo modo de conseguir determinadas cousas. E o máis seguro é que cando sexa adulto faga o mesmo coa súa familia, subordinados, ou compañeiros de traballo...

A miúdo os que están a ser acosados, están tristes, teñen medo e vergoña e non contan o que lles pasa a ninguén. O maltrato aliméntase co silenzo de todos: dos que o fan, de quen o padece, e de quen o ve e non o remedia.
A única forma de parar o maltrato entre compañeiros é dando a coñecer os feitos. Non debemos crer que dicir a verdade acerca da nosa indefensión e as nosas preocupacións é de covardes. Todo o contrario: o covarde é aquel que se ampara na ameaza e que non dá a cara.

Por iso, cando de forma continuada se metan moito contigo, ou cun compañeiro ou compañeira, debes recordar o seguinte:


- Ti só ou soa posiblemente non poidas facer fronte a un acoso reiterado dun grupo de compañeiros ou compañeiras. Non é ningunha vergoña pedir axuda.


- Non esperes ata que o nivel de dano ou hostigamento che cause moito medo ou malestar. Actúa en canto sintas que se están a pasar contigo, que cada vez son máis as persoas que te maltratan ou o fan con máis frecuencia ou intensidade. Actúa canto antes.


- Respéctate a ti mesmo e pensa que ninguén ten dereito a te tratar mal de forma reiterada e con intención de facerche dano. Sé firme na convicción de que ti vales tanto como calquera outra persoa.


- Revisa se hai algunhas cousas das que dis ou fas que irrita ou non adoita gustarlles aos teus compañeiros ou compañeiras e intenta cambialas. Practica outras formas de responder nesas situacións concretas.


- Confía en que, en realidade, case todo o mundo pensa que non está ben que un compañeiro sufra pola agresión doutro. Terás moitos máis apoios dos que esperas. Cre en ti e nos demais.

LEMBRA: O maltrato entre compañeiros ten que ser comunicado a outras persoas que non estean involucradas. Non hai que deixar que o silenzo o aumente e dea pé ao agresor a abusar con máis intensidade. Escolle unha persoa da túa confianza e cóntalle o que esta a pasar, como te sintes, as túas inquietudes ou medos e o que che gustaría que se fixera para que paren as agresións.


No hay comentarios: