Cada vez son máis numerosos os pais e nais de nenos e nenas moi pequenos que se queixan de non saber que facer para controlalos. Estes casos están a reflectir un problema educativo moi frecuente nos nosos días: a dificultade de moitos pais e nais para marcar límites firmes e eficaces aos seus fillos e fillas dende os primeiros anos. Non obstante á hora de educar isto é fundamental, non só para que haxa máis harmonía na convivencia, senón tamén porque estes límites, ademais de infundirlles seguridade, vanlle a
permitir adaptarse mellor na súa vida social e adulta
Os nenos e nenas necesitan ser guiados polos adultos e para iso é fundamental establecer regras coas que fortalecer condutas e lograr o seu crecemento persoal. Convén dar razóns, pero non excederse na explicación. Os sermóns non serven de moito. Os nenos e nenas responden aos feitos, non ás palabras. Un xesto de firmeza e serenidade, acompañado de poucas palabras será máis efectivo que un discurso.
Para poder establecer os límites é necesaria en primeiro lugar a existencia dun bo clima familiar, de afecto e cariño para que se cumpran unha serie de condicións:
·
As normas han de ser claras e deben ir adaptándose á situación, ao momento e idade concreta do ne
no ou a nena.
·
Deben centrarse na súa conduta non na súa actitude ou na súa valía, as marxes deben fixarse sen humillalos nin ferir a súa autoestima. Por iso, non se debe descualificar ("es un parvo", "es malo"...), senón marcar o problema ("iso que fas ou iso que dis está mal").
·
Hai que comportarse de forma coherente ao esixido, pois co exemplo tamén se ensina
·
Os adultos que conviven co neno ou a nena
teñen que estar de acordo acerca dos límites que debe ter, o que se lle permite e o que se lle prohibe.
·
Dar as ordes ou instrucións nun tono de voz normal trasmite máis firmeza que dar un berro, isto só significa que estamos a perder o control sobre nós mesmos.
·
Fixar a consecuencia que traerá consigo o incumprimento da norma ou límite, e o máis importante: actuar en consecuencia. Un límite é firme se sempre leva aparellada a consecuencia.
A consistencia é o punto máis importante do establecemento de límites: cando o neno sabe que sempre os seus pais actúan como acordaron, terá en conta a norma e a respectará.
·
Hai que ser coidadoso co castigo, porque se este non se leva a cabo axeitadamente, o neno ou a nena non aprenderá o que é bo e malo, non fortalecerá a súa moral. Talvez deixe de facer o que se lle censura por temor, pero non por convicción.
Establecer límites firmes non significa empregar castigos ou outros métodos punitivos senón actuar con serenidade pero con firmeza e de xeito consistente.