jueves, 11 de diciembre de 2008

XOGUETES PARA O NADAL

Un ano máis achegámonos a unhas datas nas que os xoguetes van ser moi importantes nos nosos fogares. Xogar é un proceso psicolóxico esencial e o xoguete é o obxecto que o simboliza. Por iso, é moi importante saber elixir os xoguetes que compramos aos nosos nenos e nenas. Non podemos tampouco deixar que o seu criterio prevaleza nun xoguete que, de entrada lle fascine, se vemos que fomenta comportamentos negativos, que fai que desenvolva roles sexistas ou que alente actitudes violentas.
O xogo propiamente dito, sen connotacións didácticas ou educativas, é necesario e beneficioso por si mesmo: hai que ter en conta que os nenos e nenas non xogan coa intención de prepararse para afrontar o futuro, pero inflúe moito nel. Desta forma, por exemplo, a partir dos xogos con regras aprenden a desenvolver a súa vontade e o seu sentido cívico na aceptación dunha serie de dereitos e obrigas.
A influenza materna e paterna nos primeiros anos da nenez é fundamental, independentemente dos condicionantes culturais e sociais. Por iso, a elección dos xoguetes axeitados cobra especial importancia nestas datas. Non obstante, non debemos esaxerar a nosa preocupación innecesariamente: coñecer ao neno ou a nena e aplicar o sentido común, son as bases para chegar ao xoguete máis axeitado.

CONSELLOS PARA ELIXIR UN XOGUETE

Reflexións que poden ser eficaces á hora de comprar os xoguetes
que con tanta ilusión reciben os máis pequenos da casa:

- Para ter éxito, un xoguete debe estar próximo ao mundo inmediato dos nenos e nenas e á súa imaxinación. En definitiva, a actividade que propoña o xogo debe ser atractiva e lúdica, xa que xogan para divertirse e non para aprender.
- Debe ser desexado. De non ser así, carecería de interese.
- Que sexa seguro. Debe estar confeccionado con materiais que non se quebren ou sexan cortantes se rompen. As cores han de ser sólidas e non tóxicas. Canto máis pequeno é o neno ou a nena máis grandes deben ser os xoguetes.
- Que sexa simple. Isto aumentaría a gama de usos que se poden facer del, desenvolvendo a súa fantasía e a súa capacidade simbólica.
- Non comprar os xoguetes para satisfacer un capricho momentáneo.
- Xeralmente non deben ser utilizados para premiar ou castigar.
- Debemos ter en conta que o exceso de xoguetes mata a fantasía e produce aburrimento.
- Se adquire xoguetes desmontables para os máis pequenos, asegúrese que as pezas teñan un tamaño que impidan que se atragoen con elas.
- Videoxogos: poden consultar a entrada do mes de abril de 2008

XOGUETES PARA NENOS E NENAS DE 3 A 5 ANOS
Os pequenos de 3 a 5 anos xa están preparados para xogar ao aire libre ou imitar escenas familiares e profesionais. Bonecos, cacharriños, pelotas ou aparellos de profesións como médico ou enfermeira, libros de contos ou acción, pizarras e xices, xogos de bloques, lapis de cores e plastilinas, xogos de carpinteiro, xoguetes de aparellos de limpeza, xoguetes para o exterior: tobogán, hamacas,casiñas..., vehículos: triciclos, coches, carriños,... axeitados para a idade, xoguetes de equipos de música, crebacabezas simples con pezas grandes, roupa de xoguete para xogar a vestirse, marionetas e bonecos articulados.
XOGUETES PARA NENOS E NENAS DE 6 A 9 ANOS
Sendo algo máis maiores, a investigación e a curiosidade por descubrir constitúen os aspectos máis destacados da vida do neno/a. Por esta razón, os xoguetes para o aire libre de máis peso como a bicicleta ou os patíns e os xogos educativos relacionados coa ciencia e todo o que nos rodea son moi apropiados: monopatíns, vehículos teledirixidos, xogos manuais, de preguntas e de experimentos, xogos de costura, xogos de cartas, monicreques, pelotas, bicicletas, trens eléctricos, cordas para saltar, patíns, equipo para deportes e xogos de mesa.
XOGUETES PARA NENOS E NENAS DE 10 A 12 ANOS
En xeral, a esta idade é recomendable elixir xoguetes que apoien os hobbies e as actividades científicas: xogos de ordenador, material para coser e tecer, microscopios e telescopios, xogos de mesa, equipamento para deportes, material de apoio para hobbies, xogos de estratexia e reflexión, audiovisuais, electrónicos e experimentos. Asimesmo pódeselles regalar o inicio dunha colección de selos, moedas, bolboretas ou rochas minerais… que poden ser o principio dunha afición que dure toda a vida.
E para rematar, non esqueza que non hai xogos de nenos ou nenas, todos serven para todos e todas; utilizaranos segundo lles interese e gozarán con eles se son axeitados á súa idade e ao seu gosto.

BO NADAL !

martes, 25 de noviembre de 2008

A ALIMENTACIÓN NA IDADE ESCOLAR


A alimentación é a base necesaria para un bo desenvolvemento físico, psiquico e social dos nenos e nenas. Que estean ben alimentados durante os primeiros anos de vida, ten un efecto profundo na súa saúde, así como na súa habilidade para aprender, comunicarse e adaptarse a novos ambientes e persoas.
A idade escolar é un tempo en que as nais e pais poden ter problemas con respecto á alimentación dos seus fillos e fillas. Como pasan máis tempo fóra da casa faise difícil controlar o que comen. Moitas das desordes alimentarias como a bulimia e a anorexia teñen a súa orixe nesta etapa da vida.
Como pais e nais responsables, debemos coidar os hábitos alimenticios dende as primeiras etapas de crecemento. Non será difícil se temos en conta algunhas regras básicas:
• Temos que procurar ensinarlles a comer solos o antes posible.
• Deben acostumarse a novos sabores dende pequenos.
• Dende o principio hai que inculcar hábitos sociais, de limpeza e sosego durante as comidas.
• É moi importante a regularidade no horario das comidas. Deberemos aproveitalas para charlar, interesarnos polas súas cousas, o que fixeron no colexio, as súas inquietudes...
• Non debemos comer vendo a televisión porque, por un lado, non poderemos manter unha conversa razoable e por outro, pódese crear un reflexo condicionado que faga que sintan a necesidade comer cada vez que a ven, o cal nos leva a hábitos pouco sans que fomentan a obesidade.
• O almorzo é, segundo os nutricionistas, unha das comidas máis importantes do día, porque é a primeira inxesta despois de varias horas sen alimento. O ideal sería que a hora do almorzo fose un momento compartido de intimidade familiar, en especial para aquelas familias que non poden reunirse no xantar. Compartir o almorzo creará un hábito saudable que os preparará para a intensa xornada que comeza e os acompañará toda a vida.

Para asegurarse de que os nenos e nenas estean ben alimentados non é necesario ser un experto nutricionista. Só se require poñer á súa disposición unha dieta variada e xerar bos hábitos alimenticios. Para iso, conseguir que a hora da alimentación se convirta nun costume familiar gratificante, é a mellor receita.


jueves, 25 de septiembre de 2008

AXENDA ESCOLAR DO CEIP REIBÓN


Empezamos un novo curso e damos a benvida a toda a comunidade educativa do noso centro que este ano ten moitas e interesantes novidades. Unha delas é a introducción da “Axenda Escolar do CEIP Reibón” para o 2º e 3º Ciclos de Educación Primaria.
O novedoso deste proxecto non reside na axenda en si, xa que as axendas veñen formando parte do material complementario dende hai tempo, senon no feito de que, por primeira vez, deseñemos dende o centro o noso propio modelo.


Considerámola como unha ferramenta axeitada para facer máis efectivo o Plan de Acción Titorial dende unha concepción da educación como tarefa compartida. Con ela preténdemos dotar ao colexio dun instrumento de relación entre o alumnado, as familias e o equipo educativo, e que sexa un elemento que axude a crear no alumnado, un sentido responsable e organizado do traballo escolar.

  • Os pais e nais deben considerar a Axenda Escolar como unha parte máis do material escolar e revisala diariamente para poder ter unha información próxima e puntual do traballo que deben desenvolver os seus fillos e fillas, do seu rendemento e o seu comportamento.
  • Deben preocuparse de que sempre a leven na mochila, que a coiden e a repoñan no caso de perda.
  • Tamén deben asinar as follas de xustificación de atrasos e ausencias e poñerse en contacto co profesorado, sempre que o precisen, mediante as follas de comunicación.


Este é o noso primeiro ano, por iso solicitamos a colaboración de toda a comunidade educativa para ir mellorando, confiando en que a Axenda chegue a estar plenamente integrada na acción docente e titorial do noso colexio.

martes, 17 de junio de 2008

¡Felices vacacións!

Para comezar, convén ter presente que vacacións non debe ser para os nenos/as sinónimo de facer o que queiran e cando queiran. Sempre é importante que os pais/nais manteñan un control sobre os horarios de sono e comidas, aínda que non sexan tan rigorosos como durante o período escolar.O verán é unha estación moi apropiada para o exercicio físico e o contacto coa natureza. O neno/a debe moverse, saír, andar en bicicleta, camiñar en familia polas tardes ou ir á praia ou ó monte.
É importante manter e coidar o contacto dos nenos/as con outros amigos/as durante as vacacións. O xogo cos demais é a mellor forma de establecer lazos de amizade e camaradaría.
Os nenos/as necesitan descansar da asistencia ao colexio e da rutina que, moitas veces, xera un alto nivel de estrés. O tempo de ocio é fundamental para o rendemento escolar do ano seguinte, como o é ensinarlles dende pequenos o valor deste, xa que lles axudará no futuro a previr enfermidades tanto en saúde mental como biolóxica.
Algunhas ctividades que podemos facer en vacacións cos nosos nenos/as:
- Falar moito con eles/as e estimular que eles/as falen con amigos, familiares e veciños, facendo fincapé en: escoitar; esperar quenda para intervir; pedir por favor, saudar; pronunciar as palabras correctamente; formar frases ben estruturadas; relatar feitos e acontecementos.
- Escoitar contos ou historias.
- Escoitar música.
- Ler imaxes (para aumentar o seu vocabulario).
- Ler contos sinxelos.
- Inventar, debuxar e escribir (poesías, contos, cartas ós amigos/as…)
- Xogar con outros nenos/as.
- Achegalos a outros membros da familia cos que normalmente non teñen contacto.
- Coñecer xente nova e facer novos amigos.
- Durmir moito.
E sobre todo ¡¡procurar disfrutar e estar feliz!!.

domingo, 13 de abril de 2008

Videoxogos: que non xoguen con vostede!


Os videoxogos son xa unha forma de entretemento masivo. O videoxogo non é só unha 'cousa de nenos', senón unha importante forma de ocio para todas as idades. Tal é a diversidade de contidos que, en ocasións, poden caer en mans dos máis pequenos certos xogos con contidos non aptos para eles. A clave está en ter claros os aspectos positivos e negativos dos videoxogos e baseándose nestes, controlar os contidos.

ASPECTOS POSITIVOS

          • O xogador/a toma decisións, actúa e ademais ve recompensado o seu esforzo.
          • Adquírense coñecementos (mellora o nivel de Inglés,linguaxes específicas, símbolos, técnicas...).
          • Cando se logra dominar un xogo aumenta a autoestima e o recoñecemento social por parte dos amigos/as.
          • Exercitan a imaxinación sen limitacións espaciais ou temporais.
          • Desenvolven a coordinación óculo-manual, ensinan habilidades psicomotrices e axudan a "aprender a aprender".
          • Potencian a capacidade de esforzarse para conseguir un obxectivo.
          ASPECTOS NEGATIVOS
          • Poden provocar que se lles dedique un tempo desproporcionado, abandonando outras tarefas.

          • Os asiduos/as ós xogos violentos poden presentar unha conduta máis agresiva, impulsiva ou egoísta. Así mesmo os xogos violentos poden predispoñer a aceptar a violencia como algo normal.
          • Alguns nenos/as con dificultades para relacionarse cos demais utilizan este tipo de entretemento como refuxio.
          • Noutros casos esas dificultades vense agravadas polo illamento que provoca dedicarlle moito tempo ós videoxogos.
          • Os videoxogos de contido agresivo poden xerar ansiedade e sentimentos hostís.

          Con respecto a esta actividade que tanto gusta ós nosos fillos/as, é moi importante:
          • Informarse dos contidos do videoxogo mediante a etiquetaxe do código PEGI e a información que acompaña ó xogo na caixa. Existen edicións de sagas, ou videoxogos da mesma familia, nas que cada videoxogo pode estar catalogado para unha idade diferente. Escolla videoxogos axeitados á idade dos seus fillos/as, que fomenten os valores positivos e con contidos pedagóxicos.
          • É un feito contrastado que os videoxogos contribúen a desenvolver aspectos intelectuais e psicomotrices do neno/a. Pero é necesario actuar con prudencia e informarse sempre do código PEGI.
          • Existen en Internet simulacións de videoxogos das cales a industria non é responsable e que poden non respectar códigos éticos.
          • Os videoxogos non están concebidos para educar, senón para entreter, nas marxes de idade que establece o código PEGI. Pero hai moitos videoxogos de alto contido pedagóxico, que ademais son divertidos.
          • Recorde que nas videoconsolas existe a posibilidade de bloqueo e control parenteral. Adopte tamén criterios responsables respecto á limitación de tempo, postura correcta, distancia ante a pantalla, alternancia con outros xogos ou co estudio, etc. É aconsellable descansar un mínimo de entre 10 e 15 minutos por hora mentres se utiliza un videoxogo.
          • Faga un esforzo co fin de coñecer aqueles videoxogos cos que xogan os seus fillos/as. Procure tamén xogar con eles/as. Isto axudaralle a comprender mellor os seus factores de atracción, a valorar os seus aspectos positivos, a manter criterios máis axeitados á hora de compralos
            O PEGI (Pan European Game Information) suscrito en Europa en 2003 como o "Código de Conduta da Industria Europea de Software Interactivo", pódese consultar na páxina http://www.adese.es/web/main.asp. É unha boa forma de informarse sobre qué tipo de escenas inclúe un videoxogo, o seu nivel de dificultade, ou o código PEGI (a clasificación por idades). Esta páxina orienta ós pais/nais acerca da correcta compra e consumo responsable de videoxogos para menores.